Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Cerdido xa forma parte do programa Rural Tic do Ineco, organismo pertencente ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana


• É un dos 65 municipios seleccionados en toda España para participar neste proxecto

• Vai acoller, entre o 13 e o 24 de marzo, unhas xornadas dedicadas a impulsar a transformación dixital nos concellos máis pequenos

O Concello de Cerdido ven de adherirse ao programa Rural Tic, do Ineco, a empresa pública pertencente ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, que ten por obxectivo impulsar a dixitalización nos concellos máis pequenos.

Ineco é unha empresa con ampla experiencia no ámbito da mobilidade e transformación dixital, que utliza a potencialidade que aportan as novas tecnoloxías para visibilizar e dinamizar o medio rural.
Contribúe a dixitalizar en pequenos núcleos de poboación a través de dous eixos, dixitalización social e dixitalización económica.
A dixitalización social fomenta o uso de novas tecnoloxías, especialmente na veciñanza de idade máis avanzada, ensinando a usar whatsapp, banca móbil, citacións médicas e outros métodos de comunicación.

A dixitalización económica pretende asesorar ao tecido empresarial a través da potenciación do seu posicionamento dixital, creando ou mellorando os servizos web que posúen, implementando a súa presencia en redes sociais, deseñando App específicas que optimicen a actividade.

En palabras do alcalde, Benigno Galego, “cremos que estas xornadas sobre transformación dixital poden ser de moita utilidade para todos os veciños e veciñas de Cerdido, poñendo á súa disposición as ferramentas necesarias para adaptarse aos tempos actuais”.